

A vila de Mondariz converterase este fin de semana no epicentro da música tradicional galega coa celebración da quinta edición de “O Serán desta aldea… Meirol”, unhas xornadas organizadas pola Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) que buscan poñer en valor o baile comunal e homenaxear ás mulleres que conservaron este legado.
As actividades darán comezo o domingo 26 co gallo dun obradoiro sobre a pandeireta nos seráns de Meirol, impartido por Xabier Díaz, recoñecido músico e investigador da tradición oral. A súa charla-presentación do “Cancioneiro galego serodio” achegará ao público unha visión profundizada sobre as melodías que viaxaron na memoria das mulleres do rural. A xornada do domingo pecharase cun taller de baile impartido por Nuria Gesteira, bailadora e pandeireteira con ampla traxectoria no eido tradicional.
O venres 31, a Praza de Abastos de Mondariz acollerá o acto central: unha homenaxe ás informantes de Meirol –Rosa de Aurelia, Sinda do Coto, Maruja da Carolina, Estrella da Carolina e Gloria do Cruceiro–, recoñecidas como gardiás do patrimonio inmaterial da aldea. Seguiralle un serán aberto no que poderán participar todas as persoas asistentes, acompañado polas actuacións dos Gaetiños do Castromao e da arpista Beatriz Martínez xunto con Nuria Gesteira.
Estas xornadas, que xa percorreron outras aldeas como O Ceo, Cernadela, Aboal e Sabaxáns, contan coa colaboración do Concello de Mondariz, a Xunta de Galicia e o Cear Castromao. Segundo a organización, o obxectivo é “reivindicar ás nosas grandes mestras da tradición oral e consolidalas como referentes vivos”.
A edición de 2025 está dedicada a Meirol, unha aldea con rica diversidade rítmica e coreográfica, reflexo da vitalidade do baile comunal no Condado. Todas as actividades son de acceso gratuito, agás os obradoiros do domingo, que xa completaron o seu aforo.
Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.