Lunes, 06 de Octubre de 2025

Redacción / Xornal21.es
Viernes, 20 de Marzo de 2015 Tiempo de lectura:
NIDIA ARÉVALO, ALCALDESA DE MOS

“Síntome satisfeita do traballo realizado polo equipo de goberno durante a actual lexislatura”

Tras preto de sete anos na Alcaldía do Concello de Mos, a rexedora local mosense volve a ser candidata polo Partido Popular ás Eleccións Municipais que se celebrarán o vindeiro 24 de maio. Nidia Arévalo enfróntase novamente as urnas coa mesma ilusión do primeiro día e a forza, a experiencia e o bo facer de tantos anos de traxectoria política.

[Img #17994]

 

Alcaldesa, ¿considera cumpridos os obxectivos marcados para a presente lexislatura que xa toca ó seu fin?

 

Síntome moi satisfeita do traballo realizado polo equipo de goberno do que formo parte, pois fomos quen de levar a cabo os obxectivos marcados na folla de ruta da actual lexislatura.

 

Entre eles destacaría a posta en marcha dun Plan de Axustes que nos permitiu recuperar a estabilidade orzamentaria do Concello e sanear as contas municipais. Agora podemos dicir que Mos está no camiño da recuperación económica pese a débeda herdada do goberno local previo.

 

Outro logro fundamental foi o descenso da cifra do paro en Mos, que a día de hoxe é inferior á de comezos de lexislatura; realidade que é posible gracias ás políticas de emprego desenvolvidas dende a concellería de Formación de Emprego, así coma pola realización de diversos Obradoiros Municipais de Emprego e os servizos permanentes de orientación laboral e asesoramento a emprendedores existentes na Axencia Local de Colocación de Mos.

 

Outra das prioridades deste goberno que logramos cumprir foi acadar prácticamente o 100% da rede de saneamento integral e darlle un pulo importantísimo ó abastecemento de auga potable nas dez parroquias mosenses.

 

Falando de obxectivos, ¿en que punto se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal?

 

O PXOM está rematado, e teremos luz verde de Fomento en canto sexa publicada no BOE a eliminación do trazado da nova autovía Vigo-Porriño que afectaba a Mos. Reunireime coa oposición e decidiremos conxuntamente se aprobamos o Plan antes ou despois das eleccións, non será unha decisión miña. En Mos temos unha oposición moi razonable que nos temas importantes sempre sabe poñer o seu graíño de area e eu, pola miña banda, tamén sei escoitalos e tenderlles a man.

 

Como digo, estamos con todo o traballo do Plan Xeral rematado e só nos falta o informe do Ministerio de Fomento para poder concluír. Non podiamos aprobar o PXOM coa nova autovía que pretendía inicialmente Fomento e que sería un novo desastre para o Concello de Mos.

 

Falando do tema da autovía Vigo-Porriño, foi outro gran logro do equipo de goberno que encabeza e unha demostración de boa xestión política co Ministerio de Fomento

 

A verdade é que sí. O Concello de Mos non podía permitir que se volvese a cercenar ó municipio cun novo trazado e a alternativa de mellorar o trazado actual da A-55 e salvar as curvas máis perigosas cun túnel era, a todas luces, a opción máis beneficiosa para todas as partes. Por todo elo teño que agradecer enormemente a colaboración e sensibilidade da ministra Ana Pastor. Sinceramente este é un gran logro que creo que tódolos mosenses celebramos de corazón porque ó fin fomos escoitados.

 

Nos últimos meses implementáronse os servizos municipais e vese moito movemento nas rúas, ¿que pode contarnos ó respecto?

 

Certo, dende fai uns meses temos posto en marcha dous plans integrais de mellora, por unha banda de estradas e camiños municipais e por outra de parques e xardíns. O plan de optimización e asfaltado de viais estámolo a levar a cabo gracias á axuda económica da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia e o de mellora de áreas de lecer con fondos propios municipais. Ambos eran demandas veciñais que estamos a cumprir e dos que nos sentimos satisfeitos e orgullosos.

 

Definitivamente Mos está de noraboa en todos os sentidos, fai pouco tamén anunciaba unha nova Escola Infantil para A Veigadaña

 

Sí, con esta nova Escola Infantil, Mos sumará tres, ó contar actualmente con dúas, unha na Porteliña e outra en Cototorrón. Gracias a este novo centro cubrirase a demanda existente de prazas e eliminarase a lista de espera. Trátase dunha gran noticia para as familias mosenses e unha medida fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.

 

Fai poucos días aprobou, xunto cos alcaldes dos outros 12 Concellos integrantes e a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Plan de Transporte Metropolitano ¿que supón isto para Mos?

 

Pois outra gran noticia, posto que os veciños e veciñas de Mos contarán con maior e mellor servizo de transporte público interurbán. As comunicacións cos outros municipios da área veranse optimizadas e incluso poremos en marcha unha liña circular que realizará catro rutas diarias que unan as parroquias mosenses entre sí, con Puxeiros e coas liñas de transporte público da veciña cidade de Vigo.

 

Tamén de noraboa están os habitantes da urbanización de San Rafael na parroquia de Pereiras, ¿cóntenos o acordado tamén recentemente no Rexistro da Propiedade?

 

Os veciños de San Rafael poderán inscribir no Rexistro da Propiedade o resto da superficie que non constaba nos seus títulos. Por fin este trámite chega á súa fase final quedando tan só pendente a sinatura da acta ante notario. O traspaso de metros cadrados en San Rafael por parte do IGVS á administración local fora no seu día calculado de xeito que se lle cedeu máis superficie da ocupada por vías e áreas comúns, por iso dende o Concello iniciamos fai máis de 5 anos o procedemento para regularizar a inscrición deses terreos sobrantes a nome dos veciños propietarios de vivendas en San Rafael. Agora o proceso chegou ó seu fin para ledicia dos habitantes da urbanización e miña propia.

A escasos dous meses para os comicios electorais, ¿estará elaborando propostas e proxectos de cara a vindeira lexislatura?

 

Na vindeira lexislatura ocuparémonos das carencias que poida ter o municipio que sexan máis demandadas polos veciños. Por iso o que queremos facer durante a vindeira campaña é, sobre todo, escoitar á veciñanza, escoitar as súas suxestións, ideas, comentarios e incluso críticas construtivas para comezar a construir un futuro mellor para Mos.

 

Proporemos programas e medidas para que o Concello de Mos sexa aínda máis profesional, transparente, áxil, saneado financieiramente, racional e coherente. En definitiva, mellorar a calidade de vida dos habitantes de Mos pero sen deixar de facer unha xestión realista.

 

¿En que punto da precampaña electoral se atopa agora o PP de Mos?

 

Iniciamos a precampaña visitando as dez parroquias mosenses onde celebramos reunións de partido para facer balance da actual lexislatura mediante mesas de traballo entre min mesma e os membros do comité do Partido Popular de Mos nas diferentes parroquias. Concluídas todas esas visitas, agora estamos en proceso de deseño do programa electoral, para o que creamos dez equipos de traballo integrados polos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno municipal, membros do comité local do PP de Mos e técnicos e profesionais expertos nas dez materias de cada un dos dez equipos creados: economía e emprego, saneamento e abastecemento, cultura e benestar social, vías e obras, alumeado, urbanismo e medio ambiente, educación e participación cidadá, parques e xardíns e limpeza viaria, deportes e seguridade.

 

Por outra banda iniciamos xa tamén a confección da lista electoral  e estamos traballando no deseño dunha plataforma on line de participación cidadá na que os veciños e veciñas de Mos poidan facer as súas propias propostas ó noso programa electoral.

 

 

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.101

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.