Martes, 30 de Septiembre de 2025

Redacción / Xornal21.es
Miércoles, 27 de Mayo de 2015 Tiempo de lectura:
O Porriño

Festival de Cans bate récord de público na súa duodécima edición con máis de 13.000 persoas en catro días

O certame consolida a afluencia dun público fiel e diverso, local e foráneo e cun comportamento exemplar, con ausencia de incidencias.

[Img #18890]A duodécima edición do Festival de Cans congregou ao longo dos seus catro días de duración a máis de 13.000 persoas, a medade delas no día grande do certame, o sábado día 23 de maio. Constátase deste xeito a existencia dun público fiel, local e foráneo e moi diverso, con idades de 0 a 80 anos. Cans é un festival que se celebra ao aire libre, moi condicionado polo tempo, polo que axudaron a bater este récord uns días excepcionais, moi solleiros e de temperaturas altas.

A pesar desta afluencia, todo transcorreu con total normalidade e non se produciron momentos aglomeracións, gracias á dispersión dos espazos de programación por toda a parroquia e o bo funcionamento do servizo de autobuses, que utilizaron máis da metade dos asistentes e liberou a parroquia de tráfico.  O público puido gozar das actividades de forma cómoda e tranquila e a organización amósase especialmente orgullosa do seu comportamento exemplar e o seu respecto polo entorno. Confirma que, nos catro anos que van dende que o festival conta cun servizo de asistencia sanitaria propio, este foi o que menos partes de incidencias rexistrou, con tan só 14 persoas atendidas na enfermaría, todas elas por cuestións leves.

Entre toda a programación cómpre destacar o grande éxito que acadou a inauguración do Minicans no Parque do Río, un espazo pensado para os máis pequenos, que estivo cheo de familias dende primeira hora da mañá ata a posta do sol. Esgotáronse as entradas para o espectáculo Muller Cine e a proxección d'A tropa de Trapo na selva do Arco da Vella acadou un cheo absoluto, ao igual que a presentación do clip “Rui e as baleas” e os demais pases da Caixa de Mistos. Ademais, o fresco da ribeira, a carpa con menú infantil, o parque e actividades de xogos populares fixeron deste espazo o lugar ideal para pasar o día cos nenos e nenas de forma tranquila e relaxada.

Dentro da sección oficial de curtametraxes a concurso combinouse a descuberta de novos cineastas con caras xa coñecidas en Cans. Destacou a irrupción de Álvaro Gago, que se fixo co premio á mellor curtametraxe. Outro que entusiasmou foi Ángel Manzano, que levou o premio de público, logo de telo conquistado xa na edición de 2014. Ao mesmo tempo foron grandes descubrimentos o traballo de Carlos Martínez-Peñalver (mellor dirección) e Ángeles Huerta (mellor guión). Por último, Disney de Jorge Saavedra, xa un nome clásico en Cans, fíxose con tres premios: mellor interpretación masculina para Fernando González, mellor interpretación feminina para Marta Larralde e premio especial do xurado dos veciños.

Esta Ducia de Cans foi tamén a edición con maior protagonismo para os veciños e veciñas da parroquia de Cans, xa non só pola súa colaboración incondicional, senón porque foron o centro de moitas seccións. Inaugurouse o Muro dos Chimpíns, testemuño dos veciños e veciñas que levan recibido o premio Premio Chimpín de Prata Pepe Puime, que este ano foi para Juan Maceira. Ademais, houbo xurado dos veciños, repetíronse as mostras Costa Azul e ExpoDivina e amosáronse imaxes de documentais protagonizados por xente da parroquia como Cans do futuro (Cada cinco) e Divina Filmekeira.

Consolidación da programación matinal


O coloquio con José Luis Cuerda pasará á historia como o máis multitudinario de todo o percorrido do Festival de Cans, á parte de ser un encontro ameno, interesante, divertido e, por veces, desternillante. Pasaron por el preto de 500 persoas, o que corroboran os 450 cafés servidos polo barista Suso de Toro, cortesía de Galicia Calidade. A Leira de Alicia encheuse ata os topes de “amanecistas”, seguidores de todas as idades do director do mítico filme Amanece que no es poco.

Así mesmo, Daniel Guzmán e Javier Gutiérrez lograron congregar a 200 persoas nun encontro aberto organizado por CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia. E isto ocorreu en día laborable e ás 10h00 da mañá. Tras a súa intervención, o Baixo de Moncho permaneceu repleto nunha das seccións máis especiais do festival, “A que andas?”,  que amosa o cine cando aínda é só palabra en forma de guión.

A organización do festival está especialmente satisfeita co bo funcionamento de todas as actividades matinais que se desenvolveron desde o primeiro día. Entre o mércores e o venres pasaron  pola actividade Cans do Futuro máis de 800 escolares e estudantes de escolas de audiovisual, non só de centros da comarca e arredores, senón tamén doutras zonas de Galicia e mesmo de Portugal.

Ademais do MiniCans, no día grande esgotáronse as entradas para o pase matinal das curtametraxes a concurso; ao redor dun cento de camiñantes seguiron o Cansonoro, un roteiro pola parroquia guiado por Xurxo Souto co acompañamento dos AcordeCans, que se celebrou por segundo ano consecutivo e que vai gañando adeptos madrugadores; e o torreiro anegouse de xente para ver a José Luis Cuerda colocar a súa estrela e gozar dunha sesión vermú de cine coa Banda de Música Xuvenil de Torroso. Só na mañá do sábado se achegaron a Cans nos autobuses da organización máis de 2.000 persoas.

Grandes momentos Cans'15
Todas as proxeccións de longametraxes lograron encher as salas, destacando especialmente o pase de A cambio de nada, que ademais da presenza do director Daniel Guzmán, trouxo por sorpresa ao festival a Luis Tosar, protagonista do filme. Suscitou tamén un enorme interese o pase d'A Esmorga, comentado por Ignacio Vilar; esgotáronse as entradas para a estrea do documental Torre de Breoghán de Jorge Coira; Tony Lomba e Manuel Manquiña protagonizaron un dos momento máis divertidos coa presentación de Rey Gitano, o novo filme de Juanma Bajo Ulloa; e a sección “Fill@s de Cans” volveu  suscitar grande interese.

Os concertos de Def Con Dos (Dos Tenores), Sidonie e Sés foron multitudinarios, chegando a colapsar as liñas telefónicas e redes de datos móbiles. Xa a Noite de Clips anunciaba unha grande expectación, concentrando a máis de 400 persoas no centro do Porriño a golpe de xoves, co esperado concerto de Hendrik Röver.

O público tamén respondeu en todas as actividades dos espazos de programación paralela do festival: o Jalpón Fri, a Sala Multiusos, o Jaliñeiro Unplugged e o Cans Voulevar, poñendo de manifesto que o programa de Cans está pensado para público de todos os gustos.



PALMARÉS DO XI FESTIVAL DE CANS


Premio de Honra Pedigree’15 para Javier Gutiérrez, en recoñecemento á súa traxectoria e á súa constante capacidade de traballo, así como á súa participación en curtametraxes e o seu apoio a directores e creadores novos que están iniciándose profesionalmente, a pesar de ser un actor recoñecido. Ademais do seu espírito crítico, tamén destaca a súa predisposición e especial sensibilidade para colaborar en proxectos relacionados coa inclusión social.

Premio do xurado á mellor curtametraxe, cunha dotación de 2.000 € e Can de Pedra, para Curricán de Álvaro Gago, por facer confluír nun mesmo espazo e tempo narrativo un retrato íntimo e tamén colectivo a través dun achegamento poético.

Premio do público á mellor curtametraxe, cunha dotación de 2.000 € e Can de Pedra, foi para Deber, de Ángel Manzano.

Premio especial do xurado dos veciños á mellor curtametraxe, dotado cun Can de Pedra, para Disney de Jorge Saavedra, por ser unha historia real e ironicamente divertida e tamén pola naturalidade da interpretación dos protagonistas da curtametraxe.

Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado cun Can de Pedra, para Marta Larralde por Disney, por achegar naturalidade e frescura á interpretación dunha situación cotiá.

Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado cun Can de Pedra, para Fernando González por Disney, por conseguir unha interpretación axustada e equilibrada dun personaxe aparentemente simple.

Premio CREA do xurado á mellor dirección, dotado con 300 € e Can de Pedra, para Carlos Martínez-Peñalver por Nocturna, pola súa capacidade de crear unha atmosfera con poucos elementos e por achegar unha mirada propia.

Premio AGAG do xurado ao mellor guión, dotado con 300 € e Can de Pedra, para The Fetch de Ángeles Huerta, pola súa autenticidade e por apostar sen complexos por un humor absurdo.

Premio do xurado á mellor banda sonora, dotado cun Can de Pedra, para Unary de Nico Casal, pola súa solidez e a súa intencionalidade narrativa.

O xurado do XII Festival de Cans quixo facer unha mención especial a M is for Melon de Luis Solarat pola súa visión transgresora da sexualidade falocéntrica contemporánea. Así mesmo, o xurado tamén quixo facer mención especial a Ula de Alejandra Sotelo pola capacidade de facer unha peza artística dende unha mirada sorprendente.

Premio do xurado ao mellor videoclip, dotado con 300 euros e Can de Pedra, ao tema “Magma y Trueno”, de Guerrera, dirixido por Adrián González e Rafael Pérez, por conseguir un equilibrio perfecto entre a proposta estética e a música e por crear un ambiente cativador ao mesmo tempo que transmite a inquietante espesura da música a través dunha proposta moi arriscada pero efectiva.

Premio do público ao mellor videoclip, dotado con 300 euros e Can de Pedra, para “Floating”, de Mequetrefe, dirixido por Xaime Miranda Méndez.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.208

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.