Viernes, 21 de Noviembre de 2025

Redacción / Xornal21.es
Lunes, 08 de Junio de 2015 Tiempo de lectura:
Provincia

O Marisquiño celebra a súa edición máis tecnolóxica e musical

O encontro, que no seu 15º aniversario homenaxeará o skate e a cidade que o acolle, estreará unha aplicación móbil para seguir a evolución dos deportistas e ampliará a súa carteleira de concertos

[Img #19005]O festival de cultura urbana Arnette O Marisquiño presentou as principais novidades da súa décimo quinta programación, que se desenvolverá do 7 ao 9 de agosto en diferentes localizacións de Vigo, coa área portuaria como epicentro. Como adiantou a organización, trátase da súa edición máis tecnolóxica e musical, coa estrea dunha aplicación móbil para seguir as evolucións dos deportistas, a aposta pola emisión das diferentes probas a través de Internet e a ampliación da súa carteleira musical.

 

O alcalde en funcións de Vigo, Abel Caballero; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e os representantes do resto de entidades colaboradoras e patrocinadoras acompañaron o director do evento, Carlos Domínguez, nesta presentación. No caso da Axencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, este apoio inscríbese na súa liña de traballo a prol da configuración dun mapa galego de festivais estratéxicos e de referencia dentro e fóra de Galicia.

 

Crecente oferta cultural

 

Na súa intervención, Sutil destacou as vertentes deste macroencontro de cultura urbana nas que incide especialmente o acordo de colaboración asinado o pasado luns entre a Agadic e o festival. “Dunha banda, a crecente oferta de propostas culturais de calidade na súa programación, sobre todo espectáculos musicais, supón un valor engadido á carteleira de probas e demostración deportivas de primeiro nivel”, asegurou, ao tempo que resaltou a súa transmisión de valores de xuventude, modernidade, amizade, creatividade e riqueza cultural, “creando deste xeito unha marca con personalidade propia, construída desde a coherencia e a credibilidade”.

 

Neste décimo quinto aniversario, O Marisquiño renderá homenaxe ao skate, disciplina coa que se puxo en marcha o festival, así como a Vigo, a cidade que o acolle desde as súas orixes. Así se reflicte no deseño do cartel deste ano, asinado por Kike Besada, no que se pode ver un skate no interior dun bloque de xeo, en alusión aos pioneiros da súa modalidade raíña e a un dos símbolos do porto vigués.

 

Entre as novidades anunciadas hoxe polo festival, que repite este ano como unha das citas do calendario internacional da World Cup Skateboarding, destaca a posta en marcha da aplicación móbil SPVtracking, dispoñible para Android, que emprega unha tecnoloxía de geosituación para obter parámetros a partir dos movementos dos deportistas. Deste xeito, coa cámara do móbil poderase medir de forma sinxela a lonxitude, altura ou velocidade dos ‘raiders’, ademais de ofrecer a posibilidade de establecer competicións en liña entre afeccionados ou profesionais de todo o mundo.

 

Tamén ten un marcado carácter tecnolóxico a aposta da organización pola retransmisión do evento en ‘streaming’. O sistema, que foi estreado o pasado verán nas probas do Mundial de Skate e do BMX, recibirá un notable impulso nesta décimo quinta edición a través da mesma plataforma, Xperienty TV.

 

Programación musical especializada

 

O musical é outro dos apartados que se reforzará este ano a través dunha ampla programación, especializada e gratuíta, que se dará a coñecer proximamente e para a que se contará con coñecidos nomes do panorama estatal e internacional dentro dos estilos característicos do festival (hardcore, punk, rap, trap, electrónica, dj’s...). Os concertos darán comezo o mesmo venres 7 de agosto cun escenario integrado nas festas locais.

 

Os organizadores prevén que en 2015 O Marisquiño supere os máis de 100.000 visitantes que recibiu na súa pasada edición, que congregou uns 1.300 deportistas nas súas diferentes pistas. Estas cifras consolidan o macroencontro vigués como un festival sostible, cun elevado retorno económico e un gran impacto publicitario, turístico e cultural non só para Vigo, senón para o resto das Rías Baixas e para Galicia en xeral.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.61

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.