Miércoles, 19 de Noviembre de 2025

Redacción / Xornal21.es
Miércoles, 08 de Julio de 2015 Tiempo de lectura:
Provincia

A Deputación asume a financiación íntegra dos traballos de remodelación do Castelo de Sobroso

Realizaranse reparacións urxentes de limpeza e mantemento para evitar un maior deterioro do Castelo.

[Img #19436]O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán presentaba este martes en Ponteareas o proxecto de remodelación do Castelo de Sobroso en aras “á obriga que temos as administracións públicas de velar polo patrimonio público e, incluso, incrementalo como fixemos na Deputación durante os últimos anos”.

 

 Louzán destacou que a Deputación non escatimou esforzos na “recuperación do Patrimonio público -recuperación de castros, pendellos, cofradías, sendeirismo, templos e santuarios-  en aras da posta en valor dos nosos recursos e valores que profundizan na identidade dun pobo e son chave na dinamización do turismo e da economía dos nosos concellos”.

 

Reparacións urxentes

Cun orzamento de 315.254 €, o proxecto presentado hoxe por Rafael Louzán no propio conxunto monumental establece que se realizarán diversas obras de conservación e mantemento que garantan a operatividade do Castelo.

 

Cun prazo de execución de 5 meses  efectuaranse traballos de limpeza e de reparación das baixantes para evitar que a auga siga penetrando no interior  deste inmoble histórico.

 

En vista da situación, o Concello de Ponteareas redactou un proxecto no que se recollen as reparacións urxentes que se deben acometer para evitar un maior deterioro do Castelo, e a Deputación asumiu a financiación íntegra dos traballos así como a licitación e execución das obras necesarias.

 

Cedido á Deputación en 2014

 

A Deputación de Pontevedra ten en cesión de uso o mencionado castelo, que é propiedade do Concello de Ponteareas pero que, con data 1 de xuño de 2014, a corporación municipal acordou cederllo á institución provincial por un período de dez anos.

 

A Deputación asume dende entón o seu uso coa finalidade de integrar o conxunto monumental de Sobroso na rede de recursos turísticos e patrimoniais da provincia para dinamizar a oferta turística complementaria das Rías Baixas.

 

O Castelo de Sobroso está ubicado nunha parcela vencellada á edificación que rodea o seu contorno e tén catro estruturas diferenciadas: a muralla exterior, o recinto amurallado, a torre da Homenaxe e unha capela anexa á muralla.

 

Comprado en 1923 por Alejo Carrera Muñoz

 

Deste castelo xa hai noticias no ano 1170 cando a Raíña dona Urraca é asediada neste castelo polos partidarios do seu fillo, o neno-rei Alfonso VII, pero consegue escapar a Santiago de Compostela en busca do auxilio do arcebispo Xelmírez. No século XIII, o castelo foi cedido á familia Soberoso polo seu carácter defensivo. Na segunda metade do século XV é escenario da Revolta Irmandiña (1467-1468) –é destruído en gran parte–, así como das loitas entre as liñaxes Sarmiento e Sotomayor. O castelo mandouno reconstruír, primeiro, Pedro Álvarez de Sotomayor, "Pedro Madruga", e completou a obra García Sarmiento, ós que debemos boa parte da súa actual configuración.

 

Durante a Idade Moderna é cabeza dunha ampla xurisdición, á vez que perde o seu papel militar, quedando así abandonado e arruinándose paulatinamente. En 1923 foi adquirido por Alejo Carrera Muñoz, que o restaura, e en 1981 polo Concello de Ponteareas. En 2013 este último cédelle á Deputación de Pontevedra o uso do inmoble.

Comentarios
Comentar esta noticia

Normas de participación

Esta es la opinión de los lectores, no la de este medio.

Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios inapropiados.

La participación implica que ha leído y acepta las Normas de Participación y Política de Privacidad

Normas de Participación

Política de privacidad

Por seguridad guardamos tu IP
216.73.216.155

Todavía no hay comentarios

Portada

Con tu cuenta registrada

Escribe tu correo y te enviaremos un enlace para que escribas una nueva contraseña.